O Concello de Alfoz ofrece un curso de natación gratuíto na piscina municipal

“Co obxectivo de mellorar os servizos á cidadanía e aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles”, o Concello de Alfoz anuncia que ofrecerá un curso de natación de forma gratuíta, que comezará o próximo 15 de xullo, e explica que “esta iniciativa está deseñada para proporcionar unha oportunidade de aprendizaxe e lecer tanto aos nenos e nenas como ao público xeral, destacando como unha das principais melloras e novidades deste verán”.

Os nenos e nenas que son usuarias de Ludiverán Alfoz poderán participar no curso de natación de 11:30 horas a 14:00 horas, integrando esta actividade nas súas xornadas de verán. Pola tarde o curso estará dispoñible para o público xeral interesado, que poderá achegarse á piscina municipal de 16:00 a 18:00 horas.

Dende a área de Educación, Igualdade e Participación do Concello de Alfoz sinalan que “esta iniciativa non só optimiza os recursos municipais senón que tamén ofrece un servizo de calidade á comunidade. Esta é unha excelente oportunidade para que os nosos veciños e veciñas melloren as súas habilidades de natación e gocen dun verán activo e saudable. Ademais fomenta a igualdade de acceso a actividades deportivas e de lecer”, destacou o concelleiro de Deportes, Eliseo Lorenzo.

O Concello de Alfoz anima a todos os interesados a participar nesta iniciativa e “aproveitar os beneficios dunha actividade deportiva tan completa como a natación, que contribúe ao benestar físico e mental de todas as idades”.