
O Concello de Burela presenta unha nova edición do programa Cine na Rúa, que levará durante os meses de xullo e agosto cinco proxeccións cinematográficas a diferentes espazos da vila.
A programación foi deseñada para chegar a públicos de todas as idades, cunha selección variada que inclúe cine infantil, familiar e para público adulto, así como producións galegas. Todas as sesións comezarán ás 22:30 horas.
A primeira proxección terá lugar o 9 de xullo, na praza da Mariña, coa película de animación Del revés 2. O 16 de xullo a praza do Concello acollerá Antes de nós, unha produción galega centrada na figura de Castelao.
A programación de xullo completarase o día 30, na praza da Mariña, coa comedia familiar ¿Quién es quién?.
O cine continuará no mes de agosto: O día 6 a praza das Casas Baratas acollerá a proxección de Mufasa: El rey león, unha proposta dirixida especialmente ao público infantil e familiar. Finalmente o 20 de agosto a praza do Concello será o escenario da película galega Rondallas.
Con esta iniciativa o Concello de Burela busca “ofrecer alternativas culturais e de lecer durante as noites de verán, achegar o cinema a toda a veciñanza e dinamizar distintos espazos públicos da localidade”.


