
O Concello de Cervo, en colaboración con diferentes asociacións, prepara unha fin de semana con varias propostas para celebrar o Samaín e o outono con actividades pensadas para todos os públicos. Serán desde o venres 31 de outubro ata o domingo 2 de novembro.
O venres a partir das 17:30 horas as Escolas Vellas de Cervo acollerán a Festa de Samaín, organizada pola Asociación Cultural Airiños do Xunco coa colaboración do Concello de Cervo. Haberá un taller de Samaín e a actuación infantil Abracadaver, “pensada para os máis pequenos, nun ambiente cheo de maxia e diversión”.
O sábado de 10:00 a 12:00 horas celebrarase na Casa da Cultura un obradoiro de Samaín, dirixido a nenos e nenas de infantil e primaria, “para desfrutar dunha mañá creativa e moi especial”.
Tamén o sábado, a partir das 18:00 horas o Pavillón de San Román será escenario do 1º Magosto Musical, organizado polo grupo Fol do Raxal coa colaboración do Concello de Cervo e da Comunidade de Montes de San Román de Vilaestrofe. A xornada contará coas actuacións de: Foles de Viveiro, Dambara, Arume e Fol do Raxal. E “non faltarán castañas de balde, bolos preñados, cantina e foliada libre ao remate (trae o teu instrumento e súmate á festa)”.
E o domingo ás 12:30 horas a Casa do Mar de San Ciprián acollerá o espectáculo Contos, castañas e teas de araña, da man de Marta Ortiz. “Unha actividade familiar para pechar cun sorriso unha fin de semana chea de tradición, historias e sabor outonal”, anuncia o Concello de Cervo, que convida a toda a veciñanza e visitantes a participar nestas propostas, que “combinan a tradición galega co espírito festivo do Samaín. Non perdas esta fin de semana outonal e terrorífica!”.


