
O Concello de Cervo vén de presentar a programación institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, “unha data na que se fai un chamamento á unidade social e ao compromiso colectivo para erradicar esta lacra”. O cartel da campaña recolle o lema Unha vela por ti, “símbolo de memoria, acompañamento e esperanza” e foi presentado este xoves pola alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada; por representantes das ANPAS e da comunidade educativa, da asociación Mujeres en Igualdade de Cervo e da asociación Saúde Mental A Mariña, que colaboran no programa.
O martes 25 de novembro ás 19:00 horas na Praza dos Campos, terá lugar o acto central Unha vela por ti, que incluirá a lectura de manifestos, ademais dun acto solidario cuxa recadación se destinará á vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental da Asociación Saúde Mental A Mariña. A xornada completase coa actuación musical de Verónica Cambón.
A programación inclúe tamén actividades específicas para a comunidade educativa. O alumnado de 5º e 6º de Primaria asistirá á obra Os soños de Adelina, do Grupo de Teatro A Mariña, que se representará o día 25 ás 12:30 horas no Ceip Península da Paz e o día 26 ás 12:30 horas no Ceip de Cervo.
A alcaldesa destacou: “desde o Concello de Cervo reafirmamos o noso compromiso firme e decidido na loita contra a violencia de xénero, poñendo no centro ás vítimas e á prevención. O 25N é unha data para lembrar, visibilizar e avanzar xuntos cara a un futuro libre de violencia”.
O Concello convida a toda a veciñanza a participar nos actos programados e a acompañar ás mulleres que sofren ou sufriron violencia, “facendo comunidade e facendo conciencia”.


