O Concello de Cervo presenta o torneo de xadrez que se celebrará este sábado, 19 de setembro

O Concello de Cervo presentou o II Torneo de Xadrez Concello de Cervo, que se celebrará este sábado, 19 de setembro, a partir das 10:00 horas, na sala cultural Xosé Vizoso, no edificio da Carboeiras en Sargadelos.

A presentación da cita correu a cargo da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que estivo acompañada polo presidente do Club Xadrez San Roque e mestre desta disciplina, Aitor López, que se encarga de dirixir a actividade.

O torneo está dirixido ás categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18, “ofrecendo ás nenas e nenos participantes a oportunidade de gozar dunha xornada deportiva arredor do xadrez e de compartir experiencia con outros afeccionados a esta disciplina”.

A actividade conta coa colaboración do Club Xadrez San Roque, de Viveiro, e está organizada polo Concello de Cervo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou “a aposta do Concello por seguir achegando actividades deportivas e de ocio ás crianzas e á mocidade. O xadrez é unha disciplina que, ademais de ser divertida, fomenta a concentración, a capacidade de análise, a paciencia e a toma de decisións. Por iso queremos seguir promovendo este tipo de iniciativas e facilitando que as nosas crianzas teñan a oportunidade de coñecelo e practicalo”. Neste sentido a rexedora lembrou tamén “a gran acollida que tivo o xadrez durante o verán, xa que foi unha das actividades incluídas no programa municipal Enredando no verán, no que participou un bo número de nenos e nenas do municipio. A experiencia de Enredando no verán demostrounos que existe interese por esta actividade entre as nosas crianzas, polo que consideramos moi interesante continuar ofrecendo propostas vinculadas ao xadrez e crear espazos nos que poidan aprender, practicar e, sobre todo, pasalo ben”, engadiu.

As persoas interesadas en participar no torneo poden obter máis información e formalizar a inscrición a través do teléfono 672.77.25.08.