
O Concello de Foz conmemora o Día do Orgullo LGTBI coa colocación de bandeiras arco iris nos edificios municipais e unha exposición de libros na biblioteca pública.
A concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo, anuncia que “un ano máis, o Concello de Foz conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBI pendendo das fachadas de todos os seus edificios institucionais as bandeiras arco iris, identitarias das cores que representan o Día do Orgullo LGTBI, que se celebra o próximo 28 de xuño en conmemoración polos disturbios de Stonewall, no ano 1969 en Nueva York, onde se iniciou o camiño cara a liberación deste colectivo que reivindicaba e loitaba pola defensa dos seus dereitos que gran parte da sociedade lles negaba, á vez que se lles prohibía mostrarse tal como se sentían. Moitas destas persoas entregaron as súas vidas na defensa deses dereitos. Polo tanto é unha data importante para reivindicar a loita pola igualdade real, por unha sociedade libre de toda discriminación, respecto a identidade de xénero e a dignidade das persoas LGTBI con outras orientacións sexuais”.
Ana Rojo engade que “en pleno século XXI non podemos admitir agresións físicas, ataques homófobos ou crimes de odio contra a diversidade sexual e que certas persoas sexan sinaladas e recriminadas pola súa condición sexual. Polo tanto é un día para conmemorar, reflexionar, reivindicar e seguir avanzando pola loita dos dereitos máis fundamentais nunha sociedade enriquecida no respecto, a liberdade e a tolerancia. O 1 de marzo do ano 2023 foi publicada a lei 4/2023 pola igualdade real e efectiva das persoas trans e para garantir os dereitos das persoas LGTBI, erradicando as situacións de discriminación e asegurando que en España se poida vivir con plena liberdade a orientación, a identidade sexual, a expresión de xénero e a diversidade familiar, un importante avance no camiño da igualdade e xustiza social. Estas siglas representan e reúnen diversas tendencias que ademais sustentan postulados varios que debemos respectar”.
A concelleira de Muller e Igualdade en Foz destaca: “dende o noso Concello fomentamos o respecto á liberdade sexual, á inclusión e á igualdade, visibilizando e sensibilizando á poboación na diversidade e na tolerancia entre todas as persoas. Seguiremos traballando no avance e a superación de barreiras que aínda perviven por unha igualdade efectiva no avance dos dereitos e apoio ó colectivo LGTBI”.
E a Delegación de Cultura do Concello de Foz organiza do 28 de xuño ao 4 de xullo “unha mostra bibliográfica na biblioteca municipal, cunha exposición de libros con lecturas relativas ó orgullo, tanto para adultos como de infantil, publicacións que poderán levar prestadas todas as persoas que o soliciten”.