
O Concello de Foz presenta a súa programación cultural de primavera, na que predominan o teatro e a música, pero inclúe tamén festas e máis actividades.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto anuncia que “a primavera en Foz chega con sol, flores e moitos eventos culturais. Esta semana, o venres, recibimos a obra Un deus salvaxe, da compañía Talía Teatro. É unha peza onde dúas parellas se atopan para discutir sobre o comportamento dun dos seus fillos, que golpea cun pau a outro”. Será ás 20.30 horas na Sala Bahía.
Inés López Couto engade: “non só teremos teatro para adultos, gozaremos de moita música, cos concertos da Banda de Música de Foz os días 28 de marzo, 25 de abril e 16 de maio. Tamén organizamos sesións escolares para os máis pequenos o día 9 de abril con Tanxarina teatro e o 30 de abril para os rapaces máis maiores dos centros con Pata Teatro e o seu Lázaro de Tormes. É algo ao que non estamos tan acostumados xa que é unha compañía de Málaga que nos trae teatro en castelán. Poderá tamén desfrutarse dunha sesión ás 20.30 horas na Sala Bahía”.
López Couto explica ademais que “haberá tamén festas coma a do berberecho o 11 de abril; teatro afeccionado que organiza Pico do Castro os sábados do mes de abril e comezos de maio. Volverá o Certame de Teatro Afeccionado que organiza o Concello no mes de xuño. E teremos moitas actividades para os pequenos da casa na biblioteca, xa que son meses onde celebramos o libro e as nosas letras, así que tamén poderemos ver distintas mostras bibliográficas, polo Día da Muller, polas Letras galegas e máis”.
E remata o alcalde, Fran Cajoto: “preparamos unha programación variada e de calidade, con actividades na biblioteca pública, teatro, eventos musicais e gastronómicos que agardamos disfrutedes. É un orgullo presidir un Concello tan dinámico no que desde a administración local complementamos e apoiamos ademais a acción de moitas asociacións que fan posible un cartel tan completo e variado, para todas as idades e gustos”.


