O Concello de Foz terá a Shin-Chan como estrela invitada para o acendido da alumeado de Nadal este venres, 5 de decembro

O Concello de Foz en colaboración coa ACIA organizan un novo percorrido polo alumeado de Nadal da vila no que os protagonistas especiais serán Shin-Chan e os seus amigos: O Nadal de Foz-Chan.

 “Shinnosuke Noara ten cinco anos e vive coa súa familia na cidade de Kasukabe, no Xapón. Shin-Chan pediulle aos seus pais viaxar a Foz nestas datas para poder desfrutar do famoso alumeado de Nadal da nosa vila. Hiroshi é moi despistado e de seguro vaslle ter que axudar a atopar á familia e amigos para a viaxe de volta. Shin-Chan, Misae, Hiroshi, Himawari, Nevado, Nené, Kazama, Masao e Boo-Chan estarán repartidos polo alumeado das nosas rúas. Nos locais da ACIA, no Concello, na Casa da Cultura e no Cenima poderás atopar os trípticos onde anotar o edificio público ou rúa no que está situado cada un dos personaxes. Os folletos coa información correcta que sexan depositados no buzón situado na porta do Concello entrarán nun sorteo con agasallos que serán entregados na Cabalgata de Reis, por cortesía da ACIA local”, explica o alcalde, Fran Cajoto, que engade: “Shin-Chan fíxonos pasar moi bos momentos e regalounos frases míticas, para a lembranza, que están no imaxinario colectivo. Estamos encantados de que escollera Foz para as súas vacacións de Nadal”.

E a concelleira de Cultura, Inés López Couto, comenta: “queremos lembrar a todos, especialmente aos máis cativos, que vos agardamos na Glorieta de Vilalba este venres día 5 ás 18.30 horas para o gran acendido do alumeado de Nadal. Coma sempre, teremos sorpresas, agasallos e a música da Banda e a Escola de Música. Comeza o Nadal en Foz!”.