
O programa Preto de ti, do Concello de Ribadeo, iniciará o vindeiro 10 de novembro, martes, as súas charlas sociosanitarias coa sesión Coidando ao corazón, unha actividade “centrada na importancia de adquirir hábitos de vida saudables para manter un corazón san e previr posibles problemas cardiovasculares”.
A través destas sesións a veciñanza “poderá ampliar os seus coñecementos sobre os principais factores de risco cardiovascular, como a diabetes, o colesterol elevado e a hipertensión arterial, así como aprender a identificar os síntomas de alarma dun infarto e coñecer as principais diferenzas entre un infarto e un ictus”, anuncia o Concello de Ribadeo, que engade: “as charlas desenvolveranse cun enfoque dinámico, práctico e participativo, co obxectivo de achegar información útil e facilitar que as persoas asistentes incorporen pequenos cambios no seu día a día para coidar a súa saúde e reducir o risco de enfermidades”.
A actividade será impartida por María Roel, enfermeira do Concello de Ribadeo, que será a encargada de “transmitir os coñecementos e as recomendacións necesarias para promover o autocuidado, a prevención e a detección temperá de posibles problemas de saúde”.
Con esta actividade preténdese chegar a todas as parroquias do Concello de Ribadeo en diferentes horarios e días durante o mes de novembro.
Este ciclo dará comezo o 10 de novembro ás 18:00 horas en Vilaselán e seguirá o día 11 ás 16:45 horas en Rinlo, o 16 de novembro ás 16:15 horas en Cinxe, o día 17 ás 10 da mañá na Devesa, tamén o 17 ás 16:15 horas en Vilaframil, o 19 de novembro ás 16:15 horas en Cedofeita, o día 20 ás 11:30 horas en Couxela, o día 24 ás 16:30 horas en Arante e o 25 de novembro ás 18:30 horas en Ribadeo.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, anima a toda a veciñanza a participar nestas actividades e lembra a importancia de dedicarlle tempo ao coidado persoal: “a saúde é o máis importante que temos e a prevención é fundamental para evitar problemas maiores. Con iniciativas como esta queremos achegar información, resolver dúbidas e ofrecer ferramentas prácticas para que todas as persoas poidan coidarse mellor”.
A edil ribadense subliña que “estas charlas forman parte do compromiso municipal coa promoción da saúde, a prevención das enfermidades e a mellora da calidade de vida da cidadanía, apostando por actividades próximas, accesibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza”.


