O Concello de Trabada organiza o 9 de marzo dúas charlas con motivo do Día da Muller

O Concello de Trabada conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha programación especial centrada na saúde e no benestar das mulleres, a través da celebración de dúas charlas informativas que terán lugar na Casa da Cultura de Trabada o luns 9 de marzo.

A xornada contará con dúas sesións diferenciadas. A primeira delas desenvolverase en horario de 11:00 a 13:00 horas, baixo o título Coñece a túa peri/menopausia, e estará enfocada en ofrecer información e ferramentas para comprender esta etapa vital desde unha perspectiva próxima e divulgativa. Pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, celebrarase a charla Coñece e coida o teu solo pelviano, centrada na prevención, coidado e saúde do solo pelviano.

Para participar nas charlas é necesaria inscrición previa, que poderá realizarse a través do teléfono 982.135.011 ou directamente nas oficinas municipais.

Estas charlas enmárcanse na programación organizada con motivo do 8 de marzo e teñen como obxectivo “ofrecer espazos de información e aprendizaxe centrados en aspectos específicos da saúde feminina, contribuíndo a dar visibilidade a realidades propias das mulleres e favorecendo o seu benestar e coñecemento”, explica o Concello de Trabada, que reitera “o seu compromiso coa igualdade de dereitos, a loita contra a desigualdade de xénero e contra a violencia exercida contra as mulleres, apostando por políticas e accións que fomenten unha sociedade máis xusta e igualitaria ao longo de todo o ano”.