
O Concello de Viveiro lembra que ata o día 15 de abril continúa aberto o prazo para anotarse na Comida do Maior, que se celebrará o sábado 18 de abril no Val do Naseiro. O goberno de Mariña Gueimunde anima á veciñanza a participar nesta cita, “pensada para compartir mesa, convivencia e un día especial nun ambiente festivo”.
“A xornada está dirixida a persoas maiores de 65 anos, que deberán presentar o DNI no momento de retirar a invitación. Ademais cada persoa poderá acudir cun acompañante; será necesario que se presenten ambas no momento de mercar as entradas para a súa correcta identificación”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “co obxectivo de beneficiar aos veciños e veciñas de Viveiro, o prezo será de 10 euros para as persoas empadroadas e de 30 euros para as non empadroadas. A comida está concibida como un espazo de encontro para reforzar lazos e gozar cunha celebración pensada para xuntar á veciñanza e ás súas familias. O menú estará composto por callos como primeiro prato e costela de porco asada ao estilo da avoa Adelina como segundo, con viño branco e tinto da casa, cervexa, refrescos e auga, ademais de tarta xeada e café de sobremesa. Tamén haberá música e baile”.
As invitacións poderán retirarse na Conserxería do Concello de Viveiro ata o mércores 15 de abril, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.


