
Este venres, día 23 de outubro, ás 20:00 horas vaise proxectar no Teatro de Ribadeo o documental titulado 1846. Revolución galega, producido pola Fundación Galiza Sempre.
É unha actividade organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, que explica que “segue a ter entre os seus obxectivos a temática histórica, tan demandada polos nosos asociados e asociadas. Esta mirada á nosa historia permitiranos comprender non só un feito específico da nosa historia, máis ou menos coñecido, como é o episodio do fusilamento dos mártires de Carral, senón as consecuencias do mesmo de cara á toma en conciencia da nosa identidade colectiva. Este venres 23 teremos ocasión de revisar dito capítulo a fondo da man do autor do estudo que deu lugar a este documental, César Caramês, profesor de Lingua e Literatura Galegas en Moraña”.
A Agrupación Cultural Francisco Lanza engade que “1846 – Revolución Galega é o resultado de anos de traballo para recuperar do ostracismo un dos episodios máis importantes da historia contemporánea de Galiza. A Fundación Galiza Sempre xa ten traballado nos últimos anos co obxectivo de desterrar do esquecemento esta parte tan importante da nosa historia. Fíxoo en 2021, coa publicación do primeiro monográfico dentro da colección Efemérides da Galiza, co gallo do 175 aniversario dos Mártires de Carral, autoría do finado Xusto Beramendi. Un ano despois editou a segunda co gallo do 200 aniversario da morte de Antolín Faraldo da man de Henrique del Río. E agora, aproveitando o 180 aniversario, publicou unha dedicada especificamente á Revolución Galega, da autoría de César Caramês”.


