O domingo 12 de outubro terá lugar a ruta de Fórnea a Valboa dentro do programa “Coñece Trabada”

O Concello de Trabada e a asociación de sendeirismo Trabada paso a paso continúan co programa Coñece Trabada. Nesta ocasión trátase dunha ruta a pé entre Fórnea e Valboa, que terá lugar o domingo 12 de outubro.

O percorrido será de 10 quilómetros, cun nivel de dificultade media, e permitirá visitar ao longo do traxecto o Marco da Pena Verde, as Mámoas das Pallaregas e a Capela de San Fernando. A actividade rematará cunha comida de confraternidade na antiga escola de mestres de Valboa.

A saída en autobús está prevista ás 10:00 horas desde a Praza do Concello de Trabada. O prezo é de 8 euros por persoa e as inscricións poden realizarse ata o 7 de outubro nas oficinas municipais ou chamando ao 982.135.011. É obrigatorio o uso de chaleco reflector.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou: “seguimos apostando pola colaboración entre o Concello e as asociacións do municipio para ofrecer unha programación variada e atractiva durante todo o ano. Neste caso, unha actividade deportiva que combina sendeirismo, posta en valor do patrimonio e convivencia veciñal”.

Con esta iniciativa, o Concello de Trabada e a Asociación Paso a Paso “reforzan a súa aposta pola dinamización social e cultural do municipio a través do deporte e do coñecemento do territorio”.