
A asociación organizadora das festas das San Lucas de Mondoñedo anuncia o pregoeiro desta edición dos festexos: o empresario mindoniense Carlos Folgueira. O pregón será o xoves 16 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
A asociación As San Lucas destaca que Carlos Folgueira é “herdeiro do legado do inesquecible Rei das Tartas e continuador dunha tradición que fixo da Tarta de Mondoñedo un símbolo coñecido por Galicia adiante e polo mundo enteiro. A nosa tarta non é só un doce: é memoria, é identidade, é o sabor de Mondoñedo en cada celebración. Nas nosas pastelerías elaborouse sempre con agarimo e de xeración en xeración foi pasando de mesa en mesa, de familia en familia, ata converterse nun verdadeiro coro de lembranzas. Dentro deste orgullo común, a familia Folgueira tivo un papel especial: fixo que a Tarta de Mondoñedo viaxase e brillase, levando un anaco da nosa cidade polo mundo adiante. Será unha honra escoitar o seu pregón e dar así comezo á feira máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de Europa”.