O Festival Aturuxo, de Bravos (Ourol), celebrarase o 18 de xullo

O deputado provincial de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, xunto ao alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, e membros da Asociación Cultural Aturuxeiros, participou no atrio da igrexa de Bravos na presentación da décimo cuarta edición do Festival Aturuxo. O evento, que se celebrará o vindeiro 18 de xullo nesta parroquia de Ourol, reunirá a “artistas consagrados do panorama musical galego” co apoio da Deputación de Lugo.

Francisco Cajoto felicitou á organización por consolidar unha cita que definiu como un importante revulsivo económico e un referente cultural na Mariña: “o Aturuxo non é só unha cita musical, senón a demostración de que os grandes proxectos non dependen do tamaño dun lugar, senón da capacidade das persoas para traballar xuntas por un obxectivo común”, sinalou. E ademais destacou “o labor desinteresado e continuado de todas as persoas implicadas en cada edición”.

 

O deputado tamén lembrou que a institución provincial “renova o seu compromiso con esta cita á que achega preto de 21.000 euros, para financiar distintos aspectos da organización do festival, como a contratación de bandas musicais, a instalación do escenario e do equipamento de son, así como outras necesidades loxísticas, entre elas a colocación de aseos e o alugueiro de carpas”. Segundo indicou Cajoto, “trátase dunha colaboración que encaixa perfectamente cos valores nos que cremos, porque para nós apoiar este festival, é apoiar a cultura galega, o asociacionismo, a participación veciñal e o futuro do noso rural”.

A Deputación de Lugo salienta que o Festival Aturuxo “consolídase así como un espazo de encontro interxeracional que aposta pola música en galego, combinando xéneros como o folk, o rock e outros estilos contemporáneas, e contribuíndo a dinamizar a vida cultural do rural da comarca Mariñá e do conxunto da provincia de Lugo. O cartel do Festival Aturuxo de Bravos inclúe na súa décimo cuarta edición a actuación de cinco artistas e bandas de renome do panorama galego. Deste xeito, tocarán os grupos da Banda da Balbina, Sabela, Vimbio, Pandereteiros do Inferno e Tumba e Dálle. O festival contará con acampada e entrada de balde, e terá lugar o 18 de xullo na parroquia de Bravos, no concello de Ourol”.