
O Concello de Cervo anuncia que acollerá os días 19 e 20 de xullo o Festival Folclórico e Infantil da man da asociación Mistura. Será así escenario dunha dobre cita co folclore tradicional galego e español este mes de xullo, coa celebración deste evento que encherá de arte a Praza dos Campos, de San Ciprián.
A programación comezará o sábado 19 de xullo ás 20:00 horas co Festival Folclórico, que “reunirá agrupacións de distintas partes de España para ofrecer un espectáculo de música e danza tradicional que promete encher de cor e ambiente a vila de San Ciprián”. Participarán: Asociación Cultural Coros y Danzas Virgen del Socorro, de Tíjola (Almería); Agrupación Folklórica Chemida (Las Palmas de Gran Canaria); e Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, como anfitrión.
Ao día seguinte, o domingo 20 de xullo, ás 19:00 horas terá lugar o Festival Folklórico Infantil, “centrado na promoción das novas xeracións e no relevo xeracional no mundo do folclore”. Actuarán grupos infantís de distintas localidades da Mariña: O Arco da Vella (San Miguel de Reinante), A.C. Osorio Gutiérrez (Lourenzá) e Mistura de Lieiro (Cervo).
Os dous festivais están organizados polo Grupo Folklórico Mistura en colaboración co Concello de Cervo.
O evento foi presentado pola tenente de alcaldesa, Mali Méndez, e polo concelleiro Alfredo Fernández, en compañía de varios membros da asociación Mistura.
Desde o Concello agradecen o esforzo da asociación e dos colectivos participantes, subliñando “a importancia deste tipo de eventos, todo un orgullo para nós acoller iniciativas coma esta, que poñen en valor a nosa cultura e tradicións, ao tempo que dinamizan a vida social e económica do noso concello. Estes festivais enchen de vida as rúas de San Ciprián, crean encontro e son unha oportunidade para que veciños e visitantes poidan gozar e coñecer distintas expresións do folclore tanto galego como doutras partes de España.”
Convidan a toda a veciñanza e visitantes a achegarse a San Ciprián estas datas “para gozar dun ambiente festivo, familiar e cheo de tradición, reforzando así o compromiso de Cervo coa cultura e coa promoción do seu patrimonio”.