O Foro Social da Mariña organiza unha conferencia do escritor Carlos Taibo Arias sobre Ucrania o 28 de maio en Foz

O mércores 28 de maio ás 20:00 horas na Sala Bahía, de Foz, o Foro Social da Mariña organiza unha conferencia coloquio titulada Ucrânia, militarismo, impérios, a cargo de Carlos Taibo Arias, escritor e profesor xubilado da Universidade Autónoma de Madrid.

O Foro Social da Mariña explica que “a guerra de Ucrânia ten revelado moitas das miserias do planeta contemporáneo, e entre elas a natureza belicista dos impérios, a condición sumisa da UE e o esquecemento permanente do sufrimento da xente común. Á condena do militarismo ruso compre agregar unha crítica radical do expansionismo occidental. E compre lembrar, en paralelo, un escenario marcado poderosamente polas crises social e ecolóxica. A conferencia  abordará esta escalada bélica e as súas consecuencias, a situación xeopolítica actual, o incremento do gasto en defensa, a política de rearme da UE, o escenario que o neoliberalismo está a crear en materia de seguridade e as súas repercusións no que atinxe a servizos públicos , dereitos sociais, liberdades, etcétera”.