
O GALP A Mariña-Ortegal organiza o seu primeiro obradoiro de batchcooking de Pesca Saúde. A actividade consiste nun curso práctico de cociña impartido por profesionais da cociña e nutricionistas. Anuncia que o obxectivo “é aprender a organizar sesións de cociñado para preparar menús semanais saudables incorporando produto pesqueiro. O curso divídese en dúas sesións de 4 horas cada unha, que se celebrarán o martes 29 e o mércores 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 na Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa de Burela (Rúa O Río, 9, entrechán 1. Burela). O curso é gratuíto e cómpre inscribirse na web do proxecto (pescasaude.gal) ou no teléfono 627.570.949”.
Neste primeiro curso a restauradora convidada é Mar Orosa, chef do Restaurante El Oviedo (Ribadeo). Estará acompañada pola nutricionista Valeria Freijedo, de Arela Saúde. “Con elas as persoas asistentes coñecerán trucos e técnicas de cociñado e aproveitamento de produto pesqueiro para poder elaborar receitas de forma sinxela para incorporalas nos seus menús semanais”, explica o GALP A Mariña-Ortegal, que engade: “ademais o curso contará coa participación da Confraría de Pescadores de Burela, que explicará ás persoas participantes a importancia do consumo de produto local, os seus métodos de extracción e as especies mariñas que ofrece a nosa contorna”.
A organización do curso tamén indica que esta actividade “porá o foco especialmente no uso de produto pesqueiro de proximidade en menús semanais saudables e nutricionalmente axeitados a cada persoa, creados a partir dunhas poucas receitas que se poden ir combinando en diversos pratos. Para iso atenderase aos métodos máis eficientes para o cociñado de produtos do mar sen perder o seu sabor e as súas propiedades. Tamén se ensinará que especies son máis axeitadas para a súa conservación na neveira ou no conxelador. Entre as actividades dos obradoiros estarán tamén as técnicas para optimizar o tempo na cociña, a introdución ao uso de ferramentas e recipientes axeitados para conservar os alimentos ou a preparación de bases sinxelas reaproveitables, buscando a redución de desperdicio alimentario. As persoas participantes recibirán un receitario, unha guía de consellos e información nutricional, un mandil e unha bolsa da compra exclusiva feita con redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados elaborada pola Asociación de redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo (Outes)”.


