O ciclo de concertos Sons no solpor no Eido Dourado, en BarreIros, continúa este domingo, 13 de agosto, coa actuación do grupo Odaiko Percusión. Dará comezo ás 22:00 horas e Celso Dourado convida a asistir para presenciar este concerto dun grupo moi coñecido en Galicia.
O artista barreirense explicou que “neste caso trátase case máis que dunha actuación dun verdadeiro espectáculo de percusión, estamos a falar dun grupo de percusionistas moi coñecido en Galicia que se chama Odaiko Percusión”.
Celso Dourado contou que “este grupo está formado habitualmente por catro compoñentes, son uns grandes expertos no emprego de todo tipo de instrumentos que orixinan un son moi especial. Fan un espectáculo que combina todo tipo de instrumentación máis ben relativa á percusión contemporánea, incluso con elementos de nova creación”.
Dourado salientou que “son uns grandes improvisadores, o efecto sorpresa forma parte do seu espectáculo e a orixinalidade nas súas actuacións é sumamente coñecida. Odaiko está formado por Juan Collazo, Antonio Campo, Félix Rodríguez e Francisco Troncoso, son os catro que habitualmente forman este conxunto de percusionistas”.
Celso Dourado engadiu que “vai ser a primeira vez que estean no Eido Dourado, estiveron a punto de vir o ano pasado, pero por motivos de axenda non puido ser. Esta vez xa falamos con bastante antelación e van estar no Eido. Esperemos unha vez máis tamén que a noite nos axude e con este grupo realmente o espectáculo está garantido. A cita é o domingo, unha vez máis coa caída do sol, no ciclo musical Sons no solpor, darase este espectáculo nos xardíns do Eido Dourado”.