O grupo musical As Tareixas actuará no Círculo Habanero da Devesa (Ribadeo) este venres, 26 de decembro

O grupo musical As Tareixas actuará no Círculo Habanero da Devesa, parroquia do municipio de Ribadeo, este venres, día 26 de decembro, ás 20:30 horas.

É unha actuación para público familiar organizado pola Asociación Cultural A Tribo da Travesía, que anuncia: “o venres 26 temos un concerto moi especial. Vide disfrutar con toda a familia, ata cos máis pequenos, do grupo As Tareixas! Veñen á Mariña despois de dous anos tocando por toda Galiza, logo de gañaren o 2º premio á mellor canción infantil no Concurso Quero Cantar, da Deputación da Coruña. Presentan o disco Santo mandil en Ribadeo, no Círculo Habanero da Devesa. Neste concerto de Nadal na Mariña tamén tocarán temas novos e cancións tradicionais arranxadas para a ocasión. E traerán discos, por se alguén os quere como agasallo de Nadal”.

As Tareixas é un grupo musical de Redondela integrado por un pai, José Manuel Díaz, e seu os dous fillos, Omara e Román.

O Centro Galego de Música Popular aCentral Folque explica que As Tareixas “gañaron o segundo premio no concurso Quero cantar, da Deputación da Coruña, na categoría de mellor canción infantil. Esta actuación tivo lugar a finais de abril 2024 e, días despois, xa os estaban chamando para facer concertos. Toda unha sorpresa que fixo que, José Manuel, o pai compositor, se puxese a completar varios temas que xa tiña feitos e a armar outros arredor do mundo familiar musical, cos seus fillos Román (clarinete e voz) e Omara (trompeta e voz), con especial fincapé nas relacións humanas e na relación coa natureza. En dous meses xa tiñan un repertorio de sesenta minutos. Todo cancións orixinais, en galego, e sobre temática infantil, aínda que do gusto de todos os públicos: letras profundas, arranxos coidados e interpretacións cheas de emoción son o selo do grupo. Logo desta inesperada xira de verán e das constantes manifestacións de entusiasmo por parte do público que os acompañou, no Nadal 2024-25 As Tareixas metéronse no estudio a gravar este Santo mandil.