O ilusionista Marcos Waldemar presenta o 21 de marzo en Burela o espectáculo de maxia “Inherente”

O ilusionista Marcos Waldemar, campión de España de Maxia 2025 e semifinalista da décima tempada de Got Talent, presentará o seu espectáculo Inherente o sábado 21 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Burela.

O Concello de Burela explica que “Inherente trátase dun espectáculo de maxia unipersoal no que o artista percorre o seu propio camiño dentro do ilusionismo e introduce elementos relacionados coa historia e a figura do Conde de Waldemar, un dos grandes magos do século pasado do que Marcos é herdeiro. A función incluirá diferentes disciplinas da maxia, entre elas cartomaxia, mentalismo e ilusións participativas. Un espectáculo dirixido a público familiar que combina recursos de maxia, humor e teatro para contar unha historia única e emocionante. As entradas anticipadas con desconto xa están dispoñibles en Entradium.com. As localidades restantes, no caso de que houbesen, venderanse no despacho de billetes unha hora antes do comezo da función”.