
O complexo cultural Regal Xunqueira (Viveiro) acollerá a presentación do libro titulado Ángeles Alvariño: mi estela en los océanos, escrito polo xornalista ferrolán Germán Castro Tomé. Será este venres, día 23 de maio, ás 20 horas.
Ademais do autor do libro, no acto participarán a presidenta do Club de prensa de Ferrol, Julia Diaz Sixto, e María José Leira Ambrós, bióloga e sobriña da científica ferrolá Ángeles Alvariño. Ademais servirase un viño e algo de comer.
A organización da presentación explica que “Germán Castro foi un dinamizador cultural importante en Ferrol, desde o seu posto de xornalista en varios periódicos e fundou o Club de Prensa, Galicia en Foco, a revista Ferrol Análisis,... Comezou a súa carreira periodística no ano 1974 en Ferrol Diario, pasando logo polo Faro de Vigo (delegación Ferrol, que el mesmo puxo en marcha), La Voz de Galicia (Ferrol), para acabar a súa traxectoria como director fundacional de Diario de Ferrol. Tamén prestou colaboración entre outros medios, en El Pais e Radio Nacional de España (RNE). Escribiu varios libros e está en posesión de diversos premios, entre eles o Diego Bernal (2013), que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia (APG)”.