
O libro titulado A fraga dos teixos, escrito por Xosé Salvadores, será presentado en Ribadeo este xoves, día 12 de xuño, ás 20:30 horas na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Ademais do autor do libro, no acto intervirá Farruco Graña, presidente da Agrupación Cultural Francisco Lanza, que é a organizadora da presentación.
“Imos presentar o libro A fraga dos teixos. Relato dun naturalista tolo, de Xosé Salvadores (Tempo Galiza Editora). Poñemos así o colofón a un curso cheo de presentacións e que imos culminar este domingo 15 coa viaxe pola Ribeira Sacra. Xosé Salvadores é unha persoa máis preocupada por deixar aos seus descendentes un bosque de teixos que un saco cheo de moedas. As moedas pouco duran na man e ben que poden encirrar na xente. Un bosque de teixos sempre esperta a sensación de serenidade. Especie nobre por excelencia, o teixo é unha das árbores que máis axuda precisan no noso país. Deixar un bosque de teixos é deixar saúde ás novas xeracións, é deixar biodiversidade, riqueza ecolóxica. Xosé Salvadores descríbenos neste seu libro as peripecias dun ano de traballo para restaurar a biodiversidade en 14 ferrados de monte inzados de eucaliptos, nun caderno de campo que ben pode ser lido como unha amena guía de fauna e flora da Galiza e, especificamente, da Mariña, mais tamén como un convite para actuarmos en defensa da natureza e do noso medio tan agredido. Mesmo pode ser visto como un exemplo do que pode ser feito con vontade individual e, sobre todo, con planificación institucional e esforzo colectivo”, explica a Agrupación Cultural Francisco Lanza.