O Mercado de Ribadeo celebra o 29 de agosto o Toma Tomate, unha xornada para homenaxear a este produto da horta local.

O Concello de Ribadeo organiza para este domingo, día 29, no mercado unha nova edición da xornada Toma Tomate, que inclúe diversas actividades para homenaxear a esta hortaliza.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, anuncia que “continuando coa aposta por unha alimentación saudable e sostible, este domingo na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo vaise celebrar unha nova edición do Toma Tomate, unha xornada homenaxe a este produto da horta tan noso”.

Pablo Vizoso especifica que “dende primeira hora da xornada, coa colaboración do centro Pedro Murias, terá lugar unha mostra das variedades deste alimento, onde membros do centro compartirán a súa experiencia e coñecemento do seu cultivo.Poderase desfrutar ademais da exposición Alimentación Cotiá, presente e pasado, que fai un percorrido pola historia da alimentación da nosa zona e das relacións comerciais ao longo do tempo. A partir das 11.00 os nenos e as nenas menores de 3 anos poderán desfrutar do obradoiro Comer tamén conta, unha experiencia sobre comer saudable e de forma sostible. E dende as 13 horas e para tódolos públicos a banda Otus Scops poñerá o toque musical a esta xornada”.

Ademais os  establecementos de hostalaría da contorna prepararán tapas con tomate da horta como ingrediente principal. Os participantes son:
Bar Queimada: Patacas en salsa de tomate picante.
Ribeira: Tomates recheos de atún.
Bar Prohibido: Tartar de tomate negro de Crimea.
Fumarel: Boquerón con romescu e améndoa garrapiñada.

“Con este tipo de actividades o que pretendemos é resaltar a importancia dos produtos de proximidade da nosa horta, tan imprescindibles na nosa alimentación, entre eles o tomate, tan propio da nosa zona”, rematou Vizoso.