O Museo do Mar, de San Cibrao (Cervo) recoñece o labor das redeiras coa instalación “Nó que non esquece”

Este mércores, 17 de xuño, inaugurouse no Museo do Mar, de San Cibrao (Cervo), a instalación téxtil titulada Nó que non esquece, unha obra creada man a man entre Irene Trapote e as redeiras que gardan a técnica
e a memoria deste oficio na Mariña.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo explica que “a peza, creada dentro do proxecto Facer territorio atando cabos, comisariado por Sergio Marey, como símbolo de recoñecemento aos oficios do mar e reparación fronte á invisibilizacion histórica que relegou as mulleres a un segundo plano dentro do relato da cultura mariña”.

O deputado provincial de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, acompañou a artistas e redeiras na inauguración da obra, confeccionada con corda de cáñamo, impresión de fotografía de arquivo sobre loneta de algodón e fío de lá galega. Sinalou que “o Museo do Mar incorpora de forma transversal á súa actividade didáctica e de dinamización esa perspectiva feminista, rescatando o papel das mulleres para a memoria colectiva en todos os ámbitos.  A instalación desta peza avanza nese camiño de reparación, cando menos simbólica, poñendo en valor un oficio esencial para a actividade pesqueira”. Nesa liña o deputado valorou que “a peza se crease colectivamente, coa participación activa das redeiras”.

Xunto á instalación téxtil proxéctase o audiovisual O primeiro eslabón, un peza de 14 minutos creada a partir das voces das propias redeiras, que “coinciden en describir a laboriosidade do oficio e a súa falta de recoñecemento malia ser imprescindible para a actividade pesqueira”.

A Vicepresidencia da Deputación engade que Facer territorio atando cabos “é un proxecto de investigación, memoria e creación colectiva arredor do oficio das redeiras da Mariña lucense. Desenvolvido pola artista Irene Trapote e co comisariado de Sergio Marey, o proxecto continúa unha liña de traballo iniciada pola artista nos últimos anos xunto ás redeiras de Camelle, na Costa da Morte, e posteriormente en Asturias e Euskadi, onde investigou a relación entre os oficios femininos do mar, o territorio e os procesos de invisibilización histórica asociados aos traballos realizados por mulleres. A proposta parte da necesidade de facer visibles aqueles saberes que tradicionalmente quedaron relegados a un segundo plano dentro do relato oficial da pesca e da cultura mariñeira. O oficio das redeiras, imprescindible para o funcionamento da actividade pesqueira, foi durante décadas entendido como un labor auxiliar, doméstico ou complementario,
malia constituír un elo esencial dentro da economía do mar. Desde esta perspectiva, o proxecto propón unha lectura crítica sobre a precarización dos oficios feminizados e sobre a desaparición progresiva dos coñecementos manuais e comunitarios asociados ao territorio. A través do encontro coa Asociación de Redeiras de Burela e con varias redeiras xubiladas de Foz, Facer territorio atando cabos constrúe un
espazo de escoita e transmisión interxeracional no que a memoria oral, os xestos do oficio e os materiais do propio traballo se converten en ferramentas de creación contemporánea. A rede aparece aquí non só como obxecto físico, senón tamén como símbolo de vínculo, sostén e comunidade: unha estrutura que une corpos, tempos e experiencias compartidas. As pezas presentadas no proxecto funcionan como dispositivos de memoria que permiten facer emerxer relatos historicamente silenciados. Tanto o audiovisual O primeiro eslabón como a instalación téxtil Nó que non esquece propoñen unha reflexión arredor da ausencia de recoñecemento destas mulleres dentro da cadea produtiva do mar, ao tempo que reivindican o valor dos seus saberes e da súa presenza na construción da identidade costeira. Neste contexto o museo convértese nun lugar de reparación simbólica e de encontro entre comunidade, patrimonio e creación contemporánea. Man a man, mar a mar non busca unicamente documentar un oficio, senón activar unha memoria viva capaz de conectar pasado e presente, poñendo no centro ás mulleres que durante xeracións teceron, literalmente, a continuidade da vida mariñeira”.