O músico e escritor Xurxo Souto visitará Ribadeo este venres, 2 de outubro, para facer un roteiro literario e presentar “A novela do bravú”

A agrupación cultural Francisco Lanza anuncia que este venres, día 2 de outubro, vai visitar Ribadeo Xurxo Souto para presentar o seu último libro: A novela do bravú. “Aproveitando a súa visita imos facer un pequeno percorrido polas nosas Palabras na varanda, que desde maio inzan da cor das nosas letras galegas os balcóns de Ribadeo”, explica a agrupación Francisco Lanza, que engade: “comezaremos o paseo ás 20:00 horas na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para seguirmos pola Praza de Abaixo e despois rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, cabo da Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí ás 20:30 horas daremos paso á presentación d’A novela do bravú”.

A agrupación cultural Francisco Lanza destaca: “temos moi boas lembranzas das anteriores visitas de Xurxo Souto a Ribadeo e cremos que de novo imos pasar unha tarde ben especial da man do enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que ten levado as nosas letras polo Mar de Irlanda e as corredoiras máis ignotas da nosa terra”.