
O Pavillón da Veiga, en San Ciprián, será o escenario este próximo sábado, día 25 de xullo, do VII Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa, organizado polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración co Concello de Cervo.
A cita foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, polo coordinador da sección de Tenis de Mesa do CD San Ciprián, Fernando Fernández, e polo xogador local Estéfano Berruezo.
A competición contará con medio cento de participantes procedentes de diferentes clubs de Galicia, Asturias, Castela a Mancha ou Italia. Está previsto que comece ás 10:00 horas e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Haberá trofeos para os catro primeiros clasificados.
A rexedora destacou que para o Concello de Cervo “é un orgullo volver colaborar cun evento que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival de Cervo, non só polo seu nivel competitivo, senón tamén polo ambiente de convivencia, participación e promoción do deporte que xera cada ano”. Neste senso lembrou que esta edición “chega nun momento especialmente doce para o club, despois de que o pasado mes de xuño o Concello recibise oficialmente ao equipo e ao seu corpo técnico para felicitalos polo histórico ascenso a Segunda Nacional, conseguido tras proclamarse campións do Grupo Norte de Terceira Nacional. Este ascenso é o reflexo do esforzo, da constancia e do excelente traballo que o club leva realizando desde hai anos”, sinalou García Caramés, que incidiu en que “o C.D. San Ciprián está levando o nome de Cervo por toda a xeografía do norte peninsular, converténdose nun referente do tenis de mesa e nun exemplo de compromiso e superación”.
Finalmente animou á veciñanza e ás persoas que visitan o municipio durante estes días a achegarse ao Pavillón da Veiga “para gozar dunha intensa xornada de tenis de mesa e apoiar aos deportistas nun torneo que, ademais de reunir a xogadores de diferentes categorías, servirá para celebrar un dos mellores momentos da historia recente do club”.


