O prazo de matrícula para novo alumnado da Escola Municipal de Música de Burela está aberto ata este venres, 10 de xullo

A Escola Municipal de Música de Burela ten aberto ata este venres, día 10 de xullo, o prazo de matrícula para os novos alumnos e alumnas que desexen incorporarse ao centro durante o curso 2026-2027. Ofrece formación musical para persoas a partir dos 4 anos, sen límite de idade, adaptándose ás diferentes etapas de aprendizaxe. A súa oferta abrangue dende a iniciación musical ata o perfeccionamento instrumental e a participación en agrupacións.

Os máis pequenos poden iniciarse a través das aulas de Música e Movemento, dirixidas ao alumnado de entre 4 e 7 anos. A partir dos 8 anos terán formación instrumental, poderán participar en agrupacións musicais, canto e linguaxe musical.

Entre os instrumentos que se imparten na Escola Municipal de Música de Burela atópanse violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta traveseira, clarinete, óboe, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, percusión, piano, guitarra e canto, ofrecendo así “unha ampla variedade de opcións para o alumnado”, anuncia o Concello de Burela, que engade: “ademais da formación individual, a escola promove a materia de produción musical a práctica musical en grupo a través de diferentes formacións, entre elas banda, orquestra, coro, grupo de rock, de jazz e outras agrupacións instrumentais, nas que o alumnado ten a oportunidade de desenvolver o traballo en equipo e participar en actuacións e concertos ao longo do curso”.

As persoas interesadas en inscribirse deberán cubrir o impreso de matrícula e presentalo, unha vez asinado, a través do correo electrónico escolademusica@burela.org, entregándoo directamente a calquera membro do equipo docente da escola ou depositándoo na caixa do correo situada na entrada do recinto escolar. No caso de que, unha vez rematado este período, queden prazas dispoñibles, abrirase un novo prazo de matrícula do 1 ao 11 de setembro.

O tenente de alcaldesa e responsable da Escola Municipal de Música de Burela, Mario Pillado, destacou que “a escola leva anos sendo un referente na formación musical do noso concello. Animamos ás familias e a todas as persoas interesadas a coñecer a súa ampla oferta educativa e a formar parte dun proxecto no que, ademais de aprender música, tamén se crean vínculos e se comparte unha gran afección”.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Escola Municipal de Música de Burela no teléfono 982.879.483.