Xove acolle un obradoiro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís. Será o mércores 15 de maio ás 11:00 horas no salón de actos do Concello.
Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas os retos e oportunidades da Galicia do presente. Ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 216 páxinas, 233 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos, incluído o de Xove.
Galicia Latente ofrece un obradoiro chamado “Deconstruíndo consciencias”, que é o que se vai celebrar en Xove. Comeza cunha reflexión sobre a transcendencia da cultura, continuado cunha proxección do documental "Galicia Latente" e logo un coloquio titulado “Retos e oportunidades ao noso carón”, rematando cunha recollida de valores locais.