O Reyco Burela FS loce o seu terceiro equipamento na empresa Hijos de Ramón Rubal, en Alfoz

O Reyco Burela FS luciu o seu terceiro equipamento na súa visita ás instalacións de Hijos de Ramón Rubal S.L., en Alfoz, “empresa referente no sector forestal e da madeira no norte de Galicia” e colaboradora do fútbol sala burelista.

A representación do club, encabezada polo presidente, José Luis Sáez, e integrada polos gardametas laranxas Yasmin, João Victor, Ohanessian, Noa e Manu, foi recibida polos irmáns Jorge e Alberto Souto, que exerceron de anfitrións na sede da empresa.

Durante o encontro José Luis Sáez agradeceu a Hijos de Ramón Rubal “o seu compromiso, apoio e confianza no fútbol sala de Burela”, destacando “a importancia de contar con empresas que, desde o tecido empresarial da bisbarra, contribúen á estabilidade do proxecto deportivo do club”.

Pola súa parte Jorge Souto felicitou os equipos do Reyco Burela FS pola súa boa traxectoria na Segunda División, valoración que compartiu Alberto, quen tamén lles desexou os maiores éxitos e o mellor ao longo da presente tempada.

Esta visita “serve para reforzar o vínculo entre o club e unha empresa familiar cunha longa tradición, que comparte valores como o compromiso, o traballo, a confianza e a aposta pola contorna”, explica o Reyco Burela FS, que ademais destaca: “a historia de Hijos de Ramón Rubal S.L. remóntase a máis de 90 anos de actividade, converténdose nun referente no aproveitamento e xestión forestal no norte de Galicia. Situada en Alfoz, no corazón madereiro da provincia de Lugo, a empresa desenvolve un proceso integral que abrangue desde a corta e o transporte da madeira ata a súa primeira transformación e expedición do produto final. A materia prima procede principalmente de montes de Asturias e do norte de Galicia, e a produción distribúese tanto no mercado nacional como no internacional, atendendo ás necesidades de diferentes sectores industriais e da construción”.

O Reyco Burela FS expresa o seu agradecemento a Hijos de Ramón Rubal “por seguir camiñando ao lado do fútbol sala burelista e por contribuír, desde o seu ámbito, ao desenvolvemento deportivo e social da comarca”.