O Valadouro celebra do 1 ao 4 de maio a súa concentración moteira, na que agardan máis de 500 participantes

O Moto Clube Valadouro prepara unha nova edición da súa concentración moteira, que do xoves 1 ao domingo 4 de maio celebrará a vixésimo oitava edición, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, participou na presentación do programa, que mestura actividades específicas como exhibicións acrobáticas -o sábado pola tarde- e rutas libres e turísticas pola contorna -sábado e domingo pola mañá- cunha ampla
axenda lúdica para público de todas as idades, que encherá de actividade Ferreira durante as catro xornadas.

A organización agarda completar as 530 prazas dispoñibles, repetindo o éxito de convocatoria doutros anos. A falta de case dúas semanas para pechar as inscricións son preto de 350 as persoas inscritas, chegadas non só de Galicia senón tamén do resto do Estado ou de Portugal.

O ano pasado mesmo selaron roteiros de moteiros franceses, lembra o presidente do club, Simón Rubal, quen sinala “a expectación e interese que xera no pobo a concentración e o bo ambiente e convivencia”
entre veciños e veciñas e moteiros durante os días en que se celebra o evento. Trátase da actividade máis importante das que organiza o club, que conta con 30 anos de traxectoria nos que pasou de 20 a case 200
persoas socias, do Valadouro e Alfoz e do resto da comarca.

Daniel García destacou “o dinamismo do club local que ademais de consolidar un evento de referencia para as afeccionadas e afeccionados ás motos, que promociona O Valadouro e o interior da comarca da Mariña, consegue organizar unha programación lúdica que permite que toda a veciñanza participe da actividade”.

A Vicepresidencia da Deputación colabora coa programación musical, coa actuación do grupo de rock e metal galego Keepers, a noite do xoves 1 de maio.