O Valadouro e Alfoz organizan o 4 de novembro a segunda edición da súa carreira popular, coa colaboración da Deputación de Lugo

O deputado Daniel García participou na presentación da II Carreira Popular Valadouro-Alfoz, que se celebra o vindeiro 4 de novembro e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo a través do Plan Único.

A proba, que organizan de forma rotatoria os dous municipios veciños, está aberta á participación de diferentes idades, con percorridos para a categoría absoluta (6,5 quilómetros), infantil e cadete (1,6 quilómetros), alevín (1,2 quilómetros), benxamín (600 metros) e pícaros (200 metros).  Para a carreira absoluta, a saída será no Valadouro, fronte á Oficina de Turismo, e a meta no pavillón de Alfoz. As categorías inferiores correrán pola contorna do pavillón de Alfoz. A oferta completase cunha andaina popular.

No acto, no que participaron o concelleiro de Deportes do Valadouro, Eliseo Teijeiro, e o concelleiro de Deportes de Alfoz Eliseo Lorenzo, púxose en valor a colaboración entre os dous municipios na organización da proba, na que agardan reunir preto de 200 participantes. Disporán de servizo de autobús entre a zona de saída e a zona de meta e vestirarios e duchas no pavillón de Alfoz. 

Daniel García valorou “a contribución que desde a Deputacion de Lugo fai aos concellos a través do Plan Único, cun investimento total neste 2023 de 21,5 millóns de euros, que os municipios invisten con autonomía“  e sinalou que “ademais de fomentar hábitos de vida saudables na poboación en xeral,este tipo de probas populares xeneran tamén un dinamismo social moi importante para os concellos”.

A carreira é puntuable para o circuíto Run Foz Run. O prazo de inscrición está aberto ata o 31 de outubro.