O XII Festival Bal y Gay celébrase na Mariña do 12 ao 21 de agosto

A décimo segunda edición do festival musical Bal y Gay celebrarase en varias localidades da Mariña desde o día 12 ata o 21 de agosto e foi presentado este mércores en Foz.

A programación é a seguinte: 12 de agosto, concerto do pianista Denis Kozhukhin ás 20.30 horas no Castelo de Castro de Ouro (Alfoz); 13 de agosto, concerto da Real Filharmonía de Galicia e o Coro de la Comunidad de Madrid ás 21:00 horas na Catedral de Mondoñedo; 15 de agosto, concerto da Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias e o Cuarteto Quiroga ás 12:30 e ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval, de Ribadeo; 16 de agosto, concerto do grupo Los Elementos ás 12:30 horas na Basílica de San Martiño (Foz); 16 de agosto, concerto de Nuria Rial e Los Elementos ás 21:00 horas, na igrexa mosteiro de San Salvador de Lourenzá; 17 de agosto, concerto da soprano Sara Blanch con Julius Drake ás 20:30 horas no auditorio de Mondoñedo; 18 de agosto, concerto do pianista Marco Mezquida ás 20:30 horas no Pazo do Conde de Fontao, de Foz; 19 de agosto, concerto da violinista Leticia Moreno ás 20:30 horas na Fábrica de Sargadelos (Cervo); 20 de agosto, concerto do Cuarteto Casals ás 20:30 horas no Auditorio Casa da Cultura de Burela; e 21 de agosto, concerto do barítono Borja Quiza acompañado de Andrea Rey e Javier Carmena ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro.

A Deputación de Lugo explica que “a deputada provincial de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este mércores na presentación da XII edición do Festival Bal y Gay, que se celebrará en diferentes escenarios da comarca da Mariña entre o 12 e o 21 de agosto. A institución provincial achega 12.000 euros para a celebración desta cita de música clásica, que abrirá boca cunha sesión extraordinaria gratuíta este xoves na Praza Conde de Fontao de Foz, a cargo de La Carroza del Real, ás 19:30 horas. Na presentación, que se desenvolveu no CENIMA focense, tamén participou o alcalde de Foz e Deputado provincial, Francisco Cajoto Caserío, e o presidente da Fundación Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeiras, entre outras autoridades que colaboran ou acollen algunhas das actuacións previstas.

Carmela López valorou que a institución provincial apoia esta cita “única” polos artistas e os espazos nos que se desenvolve e “que representa o que defendemos: unha cultura accesible, descentralizada, de calidade e con impacto real na vida das persoas”. E avanzou que “dende a Deputación, imos seguir a traballar para que a Mariña continúe a ser un faro cultural, orgullosa do que é e do que ofrece ao mundo. Porque a cultura é un dereito, e tamén unha forza que nos une, que nos emociona e que nos fai mellores”.

E a Xunta de Galicia anunciou que “o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da XII edición do Festival Bal y Gay, que se celebrará do 12 ao 21 de agosto con máis de dez concertos, encontros internacionais e outras actividades en 8 concellos da Mariña. Tal e como salientou, trátase dunha cita que promove a divulgación cultural e pedagóxica da música clásica e que contará, un ano máis, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude”.

O representante da Xunta tamén destacou “o achegamento da música clásica a enclaves singulares da Mariña lucense como son Alfoz, Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Cervo, Burela e Viveiro” e incidiu no “compromiso do Goberno galego con esta proposta artística na que se xuntan música, arte e patrimonio, tres piares básicos da cultura polos que seguimos a colaborar coa Fundación Xesús Bal y Gay”.

Ao abeiro desta cita, Arias salientou “a procura de manter unha oferta cultural diversa e de calidade no territorio galego, como se vén facendo con maior notoriedade desde a aprobación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Ademais, a cita forma parte da campaña estival da Xunta Para gustos, cultura, onde se programan máis de 3.400 iniciativas de 40 tipoloxías distintas.

Tal e como adiantou o delegado territorial da Xunta, “outro dos eixos deste encontro será o pedagóxico, coa posta en marcha de dous proxectos musicais para o alumnado da comarca da Mariña. Por unha banda, a creación da Coral Marinaencanto e, por outra, o proxecto Operiña para a posta en escena dunha ópera orixinal adaptada que incluirá disciplinas diversas como son o teatro, a música, a danza, a literatura ou as artes plásticas”.