O xoves 26 de marzo haberá unha charla sobre a seguridade en Ribadeo

O día 26 de marzo, xoves, na Casa do Viejo Pancho, de Ribadeo, ás oito da tarde, impulsada pola Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores, terá lugar unha charla sobre seguridade. Coordinada por Evaristo Lombardero, abranguerá diversos temas relacionados coa seguridade polos que se ve afectado Ribadeo, anuncia a organización.

O colectivo ribadense Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores explica que “coa charla trátase de entender que a seguridade non é só evitar as agresións físicas, senón tamén moitas outras cousas que se achegan mesmo á seguridade alimenticia ou sanitaria, ou que non implica só á figura de policía, senón que é algo que trata das normas e o seu respecto, abondo por riba da toma invasiva de imaxes de control. É dicir, de entender a seguridade de xeito amplo e na que todos participamos. Todos, máis aló -e máis acó- das periódicas xuntanzas de seguridade cidadá”.