
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e representantes da Federación galega pola cultura marítima e fluvial (Culturmar) mantiveron unha reunión preparatoria do XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Ribadeo entre os días 1 e 4 de xullo do próximo ano. Por parte dos organizadores asistiron á xuntanza a presidenta e o secretario de Culturmar, Mónica Leiro e Marcos Buide respectivamente, así como Pablo Fernández, presidente da asociación ribadense Talameira, anfitrioa desta edición. Tamén participou Marta Saiz, concelleira responsable de Promoción Económica e de Turismo do Concello de Ribadeo.
A Xunta de Galicia explica que “este evento bianual, que chega por primeira vez á costa cantábrica, concentra máis dun cento de embarcacións tradicionais galegas e doutras partes da península e Europa. Na última cita, celebrada no 2025 en Ribeira, superaron os 130 inscritos, procedentes de Galicia, País Vasco, Cataluña, Palma de Mallorca, Portugal e Irlanda. Ademais desenvólvese unha ampla programación cultural e de lecer para todo o público asistente”.
A Xunta anuncia que colabora na iniciativa “cos obxectivos de difundir o patrimonio marítimo e fluvial galego entre a poboación e potenciar a oferta de turismo cultural, deportivo e sostible da comunidade” e indica que “Culturmar está integrada por máis de 40 asociacións deportivas, culturais, veciñais, etnográficas e colexiadas. Unha delas é a Asociación Cultural e Deportiva Talameira, fundada no 2023 para poñer en valor o patrimonio marítimo, a navegación tradicional e a cultura mariñeira da zona, cunha especial atención á conservación e promoción dos botes da Ría de Ribadeo”.


