
O xurado do oitavo Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra Mario non existe, de Francisco Fernández Dávila, e nomear como finalista a novela O diario do sangue, de Óscar Martínez Rey.
O tribunal destacou da obra gañadora, Mario non existe, “a súa capacidade para transportarnos a mundos lonxincuos, tanto no espacial como no cultural, levando a personaxe protagonista dende as terras de Galicia ata as do Nepal nunha viaxe que é, sobre todo, espiritual, e que acabará por transformar radicalmente a súa cosmovisión e identidade. Ademais salientou que se trata de “toda unha cartografía do simbólico e conta cunha poderosa narración que nos convida a repensar cuestións transcendentes como o destino, o azar ou a memoria e tamén as relacións familiares, o valor da auténtica amizade, a exploración das sombras e do incógnito ou o poder da palabra e do silencio”.
En canto á obra finalista, O diario do sangue, o xurado salientou “a capacidade para introducirnos nunha historia de cubertas, chea de intrigas que deben resolverse policialmente e que tecen un relato da sociedade actual, chea de claroscuros e móbiles sórdidos que, por veces, nos abisman na violencia estrutural e na marxinación e condenan do que non se somete ás convencións sociais. É unha obra escrita con extrema fluidez e diálogos áxiles e invítanos a un relato trepidante onde nada é o que parece e todo muda nun carrusel de vertixe”.
O xurado do Premio Vilar Ponte estivo composto por Carlos Nuevo Cal (cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador), Rosalía Morlán Vieites (escritora e enfermeira) e Armando Requeixo Cuba (investigador, profesor e crítico literario). Actuou como secretaria, con voz e sen voto, M. Rosario San Isidro Franco, traballadora do Concello de Viveiro, que levantou acta da sesión.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, felicitou ás persoas galardoadas e agradeceu “o rigoroso labor do xurado, así como a todos os autores e autoras que participaron nesta oitava edición do certame”. Gueimunde destacou ademais “a importancia deste recoñecemento, que supón un compromiso coa cultura e a lingua galega ao tempo que converte a Viveiro nun referente literario, destacando a importancia de converter o noso Concello no epicentro da literatura galega contemporánea e atraer talento de autores de todo o país”.


