
O grupo teatral do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, representará en Viveiro a obra titulada Dona Clara. Será este sábado, día 13 de decembro, no Teatro Pastor Díaz ás 20:30 horas. É unha actuación incluída no Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A entrada é de balde ata completar aforo e non é necesario facer reserva previa.
O Concello de Viveiro anuncia que é unha traxicomedia para público adulto cunha duración de 90 minutos. Tamén explica que se trata dunha tradución e adaptación da obra orixinal O regreso da vella dama, de Friedrich Dürrenmatt, a cargo de Ramón Casas, que ademais é o director.
O elenco está formado por: Juan Rodríguez, Benito Pérez, Patricia Pérez, Ramón Ángel Ares, Sandra Novo, Xosé Friol, Tino González, Fanny Pedre, Miriam Bouso, Meli Blanco, Isabel Bravo, Marisol Fernández, Noelia López, Paz Ermida, Lucía López, Pepita Bermúdez e Marta Díaz.
E a sinopse é a seguinte: “esta obra trata do regreso da multimillonaria Clara Zahanassian á vila da súa infancia, cuxos habitantes viven pobremente e están endebedados, a diferenza das vilas da contorna que si progresaron. Clara parece mostrarse xenerosa e ofrece mil millóns ao seu pobo natal para que solucione os seus problemas, pero cunha condición difícil de cumprir. Clara Zahanassian (o apelido é una combinación de Zacharoff, Onassis e Gulbenkian) non representa a xustiza, nin o plan Marshall, nin menos aínda a Apocalipse. Deberá ser soamente o que é: a muller máis rica do mundo que, grazas á súa fortuna, está en condicións de actuar como unha heroína da antiga traxedia grega, de forma cruel e absoluta, como Medea, por exemplo. Esta é unha obra perversa na que a maldade xorde por todas partes. A tentación é demasiado grande e a pobreza demasiado extrema. Clara, que fuxiu como unha nai solteira menosprezada e arruinada, regresa sendo unha das mulleres máis ricas do mundo. E a súa sede de vinganza é inquebrantable, como expresa por medio das súas propias palabras: O mundo converteume nunha puta e agora eu converterei o mundo nun bordel”.


