Ollomao representará o 3 de febreiro en Foz, na Sala Bahía, a "Enciclopedia Álvarez". O acto está organizado pola asociación Pomba do Arco.

O grupo de teatro do colectivo cultural Ollomao presenta este sábado, 3 de febreiro, en Foz a obra Enciclopedia Álvarez. Esta representación terá lugar na Sala Bahía ás 20:00 horas, e o prezo da entrada é de 3 euros.

Enciclopedia Álvarez é unha peza teatral que se achega en clave de humor á realidade da escola franquista, tomando o seu título dun dos máis célebres libros de texto deste período, a Enciclopedia Álvarez. A obra ven ser un exercicio de memoria histórica sinalando os aspectos máis regresivos dun modelo educativo destinado a reproducir o corpo de valores e o proxecto social da ditadura. A montaxe non fica no teatro de tese senón que no seu ritmo e estilo achégase á comedia introducindo elementos de contemporaneidade.

A representación, organizada pola asociación cultural A Pomba do Arco, é resultado dun duro traballo de nove meses de ensaio por parte do grupo de teatro do colectivo Ollomao de Barreiros, no que participan dezaseis actores e actrices dirixidos por Ramón Casas.