
O vindeiro 16 de maio, sábado, vanse desenvolver os principais actos da homenaxe ao músico Hernán Naval que está a preparar a Agrupación Cultural Francisco Lanza (ACFL), de Ribadeo: serán un xantar de confraternidade e un concerto. Estes actos de homenaxe organízanos conxuntamente en Viveiro e Ribadeo as agrupacións culturais Pensamento e Sementeira e Francisco Lanza.
Para a organización destes eventos, pola banda da ACFL, “estamos a colaborar con Amadores da Música, Coral Polifónica de Ribadeo, Banda de Música Municipal de Ribadeo, Escola Municipal de Música, o Concello de Ribadeo, e persoas que, a título individual, poden facer moitas achegas pola súa experiencia vivida con Hernán Naval”, explica a agrupación Francisco Lanza, que tamén anuncia: “en Ribadeo o sábado 16 de maio ás 14:00 horas imos celebrar un xantar de confraternidade no restaurante O Mariñeiro, no que, ademais de gozar dunha boa mesa, imos dedicar unhas breves palabras en lembranza de Hernán. O prezo do menú é de 40 euros e pódense recoller tarxetas de convite na Cafetaría O Cantón, na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, e en Oxalá Serigrafía. Posteriormente, ás 19 horas, no auditorio Hernán Naval desenvolverase o concerto homenaxe a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo e da Banda de Música Municipal de Ribadeo. Haberá actuación específica de cada unha das agrupacións musicais ademais dunha interpretación conxunta. En paralelo, e cara á fin de semana na que se van desenvolver estes actos, na Escola Municipal de Música e Danza imos facer unha exposición lembrando a actividade musical, asociativa, cultural e social de Hernán Naval a través dunha serie de paneis nos que poderemos contemplar distintas fotografías da vida e obra de Hernán. Ademais lembraremos distintos carteis anunciando as diferentes actuacións da Banda de Música e de audicións da Escola de Música”.
A agrupación Francisco Lanza engade: “posteriormente, cara ao mes de xullo, e cando a celebración das Xornadas de Historia Local, nesta edición vai ter un peso singular a figura de Hernán Naval. Aproveitaremos testemuña de varios alumnos e alumnas seus que nos poderán mostrar a importancia do labor educativo de Hernán Naval e como hoxe en día aplican ditos coñecementos en diferentes ámbitos profesionais. Imos ofrecer tamén un concerto a cargo dun grupo de música de cámara composto por exalumnas e exalumnos seus”.


