
Os campionatos de baristas e cata de cafés do IES de Foz celébranse dende o mércores 25 ata o venres 27 de febreiro de 2026 no IES de Foz. “Estamos na décimo oitava edición do campionato de baristas e décimo terceira do campionato de cata. Un ano máis superámonos e participan 26 centros de hostalería de 14 comunidades autónomas, tamén do estranxeiro, con participantes de Portugal e Italia. Nesta edición contamos co Centro de Hostalería de Viana do Castelo, en Portugal, e a Escola Giuseppe Zanardeli, de Brescia (Italia)”, anuncia o IES de Foz.
O centro de Secundaria focego explica que “todo isto non é traballo dun só día nin dunha soa persoa; dende o IES de Foz sentímonos especialmente orgullosos da estreita colaboración que establecemos con toda a contorna na que traballamos, contando con máis de cincuenta e catro patrocinadores e colaboradores. Debemos resaltar a colaboración público privada”.
O evento comezará o mércores ás 16:00 horas coa recepción do alumnado participante e as 19:00, no salón de actos, farase unha proba de cata (triangulación).
O IES de Foz engade: “seguimos co formato empregado nos últimos anos: celebración no salón de actos do centro e degustación na nosa furgoneta no exterior do salón (con 11 torradores diferentes), esta degustación é de balde para o público. Somos o único campionato de café do mundo que conta con tantas empresas torradoras apoiando e coa posibilidade de catar os seus cafés. Todo o evento será retransmitido en directo pola Fundación Tic. Polo IES de Foz participarán Patricia Fernández, na modalidade de Campionato de Cata e Mohamed Anouar, na modalidade de Baristas de escolas. Desexámoslles toda a sorte do mundo e, sobre todo, que a experiencia lles sirva para enriquecer e completar a súa formación. Por último, dar as grazas a toda a comunidade educativa do IES de Foz que colabora xenerosa e activamente para que sexa un éxito, dende o alumnado e profesorado ata o persoal de limpeza, conserxes,…”.


