Os días 6 e 7 de novembro haberá actividades de Samaín en Cervo e San Ciprián

O Concello de Cervo anuncia que os días 6 e 7 de novembro, venres e sábado desta semana, haberá actividades para celebrar o Samaín en Cervo e San Ciprián.

“Este venres e sábado recuperamos as actividades do Samaín para desfrutar dunha fin de semana chea de diversión, fantasía e moito ambiente terrorífico”, comenta o Concello, que especifica: o venres 6 de novembro ás 17:30 horas nas Escolas Vellas de Cervo haberá festa con obradoiro de Samaín e a actuación infantil Latexos, de K’Paparota. É unha actividade organizada por Airiños do Xunco coa colaboración do Concello de Cervo. E o sábado 7 ás 17:30 horas na Casa do Mar de San Ciprián terá lugar un espectáculo infantil con baile, pintacaras e chocolate con churros.

O Concello de Cervo destaca que son “dúas citas para que os máis pequenos (e non tan pequenos) gocen dunha das festas máis divertidas do outono.  Animádevos a participar e a vir cos vosos disfraces máis terroríficos!”.