
O Festival de Cine Curto de Ribadeo regresa este verán coa súa 4ª edición, consolidándose como unha cita cultural imprescindible para a promoción e difusión de proxectos audiovisuais vinculados á Mariña lucense, o resto de Galicia e Asturias. Este certame naceu co obxectivo de apoiar a creatividade local e rexional, servindo de escaparate para as curtametraxes que, ademais da súa calidade artística, manteñan unha conexión co territorio, xa sexa pola súa orixe, temática ou polos membros do equipo implicados.
O evento desenvolverase en varios espazos de Ribadeo e contará cunha programación que combina cine, encontros co público e música en directo. Este xoves, 7 de agosto, no Cine Ribadeo ás 19:30 horas terá lugar un photocall con @prado_rua para dar a benvida aos creadores e público asistente, seguido ás 20:00 horas da proxección das curtametraxes seleccionadas. O venres, 8 de agosto, no Teatro de Ribadeo, repetirase o photocall ás 19:30 horas e ás 20:00 horas celebrarase a Gala Final coa actuación musical de Kornucopia e a entrega de premios. O festival contará coa presenza da súa madriña, a recoñecida actriz Mabel Rivera.
O Premio do Público, dotado con 500 eurospor parte da Asociación Areas Movedizas, decidirase mediante votación en papel das persoas asistentes, e o xurado outorgará tamén Mencións Especiais en diferentes categorías técnicas e artísticas, acompañadas dun diploma acreditativo. En caso de empate no Premio do Público, a dotación económica repartirase por igual entre os gañadores.
A organización anima a toda a veciñanza a achegarse a esta festa do cine e desfrutar dunha experiencia cultural coma esta. Porque, máis aló da pantalla, o festival é un lugar para compartir, emocionar e inspirar.