
A partir deste domingo, día 1 de xuño, e ata o 30 de setembro amplíase o horario para poder visitar a Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, a máis grande de Galicia.
Despois dun gran comezo de campaña nas visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo, cun incremento de algo máis do 6% entre os meses de marzo e maio, posto este dato en relación as mellores cifras rexistradas en anos previos, dende o Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía comunican a ampliación da oferta de visitas á Cova do Rei Cintolo durante estes meses de verán. Agora, a partir do día 1 de xuño e ata o 30 de setembro, a visita á Galería Central da Cova do Rei Cintolo poderase facer de luns a domingo, ambos incluídos, en tres horarios: 11, 16 e 18:30 horas.
O Concello de Mondoñedo explica que “as visitas que se levan a cabo na galería central da cova fanse sobre un percorrido de 300 metros, o que supón unha visita dentro da cavidade de 1 horas e 15minutos aproximadamente. Pídese, para poder facer as mesmas, unha forma física normal, isto é non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios. Tamén é preciso facer reserva previa na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982.50.71.77 ou do e-mail turismo@concellomondonedo.es. É obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar, así como unha muda para despois da visita”.
Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.
A idade mínima para entrar na cavidade é a partir dos 11 anos e o prezo da visita é de 20 euros por persoa.
O Concello de Mondoñedo anuncia tamén que “nestes meses, como non podía ser menos, continúa activa a segunda modalidade de visitas á Cova, á Zona do Río do interior da cavidade. É un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as visitas poderanse facer baixo demanda, calquera día da semana, previa reserva na Oficina de Turismo, a través do número 982.50.71.77 ou do e-mail turismo@concellomondonedo.es. A idade mínima para poder facer esta visita, de maior dificultade, é de 18 anos e o custo para este percorrido espeleolóxico de maior duración e dificultade é de 40 euros por persoa”.