Os montes de Viveiro e as pinturas de Burela centran os Plans con corazón desta fin de semana, 31 de outubro e 1 de novembro

A Mancomunidade da Mariña anuncia que os Plans con corazón ofertan, unha semana máis, “unhas interesantes actividades coas que coñecer un pouco máis os espazos que habitamos ou que visitamos. Neste caso serán os municipios de Viveiro e Burela os grandes protagonistas, con actividades centradas no seu patrimonio natural e cultural”. Desenvolveranse os días 31 de outubro e 1 de novembro, respectivamente.

O guía Boris Vilar liderará o plan Montes do Buio, as turbeiras de Viveiro, unha ruta polo bosque das Saimas e o Curro do Candaoso; mentres que Noela Feal fará un percorrido polas pinturas en Burela do século XV ao XXI baixo o título Burela é pintadiña en..., un plan que abarca desde as pinturas medievais da igrexa da Vila do Medio ata as máis actuais, localizadas nas proximidades da Confraría de Pescadores de Burela. Aínda quedan prazas libres, polo que as persoas interesadas poden inscribirse a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e por orde de inscrición. Cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.

Plans con corazón é “unha exitosa iniciativa que este ano chega á súa sétima edición para dar a coñecer un pouco máis o xeodestino A Mariña Lucense. Conta cunha proposta de actividades variada e atractiva, liderada por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía e por todos os anfitrións participantes. Estes expertos colaboran coa Mancomunidade e a empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino singular e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo -xa que busca achegar visitantes fóra dos meses de temporada alta- e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Trátase dun proxecto para conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos e actividades que moitas veces non se coñecen. Esta é, sen dúbida, unha proposta máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan no territorio”, destaca a Mancomunidade.

Os guías oficiais son Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademais co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.

A Mancomunidade Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marco dos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, co obxectivo de “ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino”.