
A Mancomunidade de Concellos da Mariña anuncia que esta fin de semana, sábado 24 e domingo 25 de outubro, os Plans con corazón chegan a Mondoñedo e Xove, lugares nos que disfrutar do seu patrimonio cultural e natural da man de guías locais. Baixo o título Mondoñedo das letras e da música desenvolverase o sábado unha actividade que consistirá nun paseo polos fondos literarios da localidade e pola memoria das súas persoas ilustres; e o domingo será a quenda de Xove, cun roteiro á beira do río Rigueira baixo o título O San Antonio da Rigueira e a ruta dos muíños.
“Quedan as últimas prazas libres para a actividade do domingo en Xove, mentres que a do sábado en Mondoñedo xa ten todas as prazas cubertas. As persoas interesadas deben formalizar a inscrición o antes posible a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e por orde de inscrición. Cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes”, explica a Mancomunidade, que engade: “Plans con corazón é unha exitosa iniciativa que este ano chega á súa sétima edición para dar a coñecer un pouco máis o xeodestino A Mariña Lucense. Conta cunha proposta de actividades variada e atractiva, liderada por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía e por todos os anfitrións participantes. Estes expertos colaboran coa Mancomunidade e a empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino singular e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo -xa que busca achegar visitantes fóra dos meses de temporada alta- e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Trátase dun proxecto para conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos e actividadesque moitas veces non se coñecen. Esta é, sen dúbida, unha proposta máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan no territorio.
Os guías oficiais son Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademáisco selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.
A Mancomunidade Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marco dos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, co obxectivo de “ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino”.


