
A exposición titulada Outono e camiños da arte xaponesa, da pintora Ángeles Costafreda, xa se pode visitar na Casa da Cultura de San Ciprián tras a súa apertura ao público este luns. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; a concelleira Mali Méndez; a propia artista, Ángeles Costafreda, así como veciños, veciñas, amizades e outras persoas que se achegaron para coñecer esta proposta artística. A exposición pode visitarse ata o 18 de decembro de luns a xoves, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os venres de 9:00 a 14:00 horas.
O Concello de Cervo explica que a mostra “reúne arredor de 56 traballos, entre pinturas outonais, sumi-é, caligrafías xaponesas e haikus, xunto con monotipos gelli prints e pinturas acrílicas. Un conxunto de obras no que a natureza, a calma, a meditación e o amor pola contorna constitúen o fío condutor, achegando ao público a particular sensibilidade da arte xaponesa”.
Desde o Concello de Cervo agradecen á artista que “comparta o seu traballo con todos os visitantes e animan a veciñanza e ás persoas interesadas a achegarse á Casa da Cultura de San Ciprián para descubrir esta colección e gozar dunha proposta que invita a parar, observar e conectar coa natureza a través da arte”.
O Concello de Cervo anuncia que o luns 23 de novembro ás 12:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura de San Ciprián a apertura da exposición titulada Outono e camiños da arte xaponesa, da pintora Ángeles Costafreda.
A mostra, que estará aberta ao público ata o día 18 de decembro, reúne máis de 50 traballos nos que “a natureza, a calma e a meditación son protagonistas. A través de diferentes técnicas e disciplinas, como pinturas outonais, sumi-é, caligrafías xaponesas, haikus, monotipos gelli prints e pinturas acrílicas, a exposición ofrece un percorrido pola sensibilidade e a estética da arte xaponesa”.


