
A Piscina Municipal de Lieiro converterase esta fin de semana no epicentro do wáter-polo galego coa celebración do Campionato Galego Alevín-Benxamín Mixto de Verán, que reunirá en Cervo a preto dun cento de deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia.
A competición foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, que destacaron “a importancia deste evento deportivo tanto para a promoción do deporte base como para a dinamización do municipio”.
O Concello de Cervo anuncia que a categoría alevín disputarase os días 6 e 7 de xuño. O sábado os encontros comezarán ás 11:00 horas pola mañá e ás 16:00 horas pola tarde, mentres que o domingo arrancarán ás 10:30 horas e continuarán ás 15:30 horas. O sistema de competición desenvolverase en formato de liguiña, cuartos de final, semifinais e finais. Participarán os equipos do CW Santiago Masculino, CW Santiago Feminino, RCN de Vigo A, RCN de Vigo B, CW As Mariñas, CW Lugo, C Marina Ferrol e CW Coruña Rías Altas.
A categoría benxamín xogará os seus encontros o sábado ás 12:30 e ás 18:15 horas, nun formato de liga, coa participación do RCN de Vigo e do combinado CW As Mariñas/CW Santiago.
Durante a presentación, a alcaldesa agradeceu á Federación Galega de Natación “a confianza depositada unha vez máis no municipio para acoller unha competición autonómica destas características”. Ademais Dolores García Caramés puxo en valor as instalacións deportivas municipais, especialmente a piscina de Lieiro neste caso, que “conta cunhas condicións excelentes para albergar eventos desta relevancia e para seguir fomentando a práctica deportiva entre os máis novos”.
A rexedora destacou tamén “a importancia deste campionato para a promoción de Cervo como destino deportivo e turístico” e animou ás familias, deportistas e acompañantes que se desprazarán ata o municipio durante a fin de semana a “desfrutar da nosa contorna, da nosa gastronomía e de todos os atractivos que ofrece Cervo”.
Desde o Concello convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á Piscina Municipal de Lieiro “para gozar dunha intensa fin de semana de deporte base e apoiar aos novos talentos do wáter-polo galego”.


