
A programación do Verán na Praza continúa este venres, día 14 de agosto, cunha proposta pensada para gozar do verán, da piscina e da música: a Festa na Piscina Party, organizada pola Asociación Conde Santo, coa colaboración do Concello de Lourenzá.
A actividade desenvolverase na piscina municipal de Lourenzá, que contará cun horario especial de 15:00 a 23:00 horas. Entre as 17:00 e as 20:00 horas haberá inchables acuáticos e animación, “convertendo a piscina nun espazo de diversión para todas as idades”, anuncia a alcaldesa, Rocío López García, que engade “a festa contará tamén con comida e bebida durante todo o día e a partir das 00:00 horas a música dos DJ’s poñerá o broche final á xornada”.
Desde o Concello de Lourenzá agradecen “unha vez máis á Asociación Conde Santo a súa implicación e compromiso coa vida social e cultural do municipio, así como a súa participación e colaboración na programación do Verán na Praza. Do mesmo xeito, queremos trasladar o noso agradecemento a todo o tecido asociativo de Lourenzá, que coa súa participación e colaboración fai posible unha programación diversa, participativa e pensada para toda a veciñanza”.
O Concello anima “a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse este venres á piscina municipal e gozar dunha tarde diferente, con auga, inchables, animación e música. Vémonos na piscina!”.


