
O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acolle este sábado, día 17 de outubro, ás 18:00 horas Sen patrón, a cargo de de Pistacatro, un espectáculo de novo circo para todos os públicos, a partir de 6 anos, que combina malabares, humor e equilibrios sorprendentes.
O elenco artístico está formado por Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero.
Ten unha duración de 45 minutos e a sinopse é: “no mundo dos malabares todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos viren sen fin. Pero que pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? En Sen Patróns non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan sobre as súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante. Tres cómicos que viven e móvense como os malabares que controlan, creando patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido. Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos”.
A compañía Pistacatro é de Santiago de Compostela e foi galardoada co Premio Nacional de Circo 2025, concedido polo Ministerio de Cultura.


