As pistas de atletismo da Veiga (Cervo) acollerán a VI Carreira Popular Maruxaina o sábado 18 de xullo

As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario da VI Carreira Popular Maruxaina, o sábado, 18 de xullo, da man do Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.

Esta cita deportiva, puntuable para o circuíto de carreiras Duacode Run Foz Run, foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e por varios integrantes do Club Deportivo San Ciprián, na propia instalación na que se celebrará o evento. Será a partir das 11:00 horas, sobre un circuíto de 200 metros para pitufos, 500 metros para benxamíns, 1.000 metros para alevíns, 1.609 metros para infantís e cadetes e de 5.000 metros para a proba absoluta. A saída e a meta estarán nas instalacións deportivas da Veiga e transcorrerá por un circuíto mixto, polas rúas de San Ciprián e o paseo do Torno.

As persoas interesadas en participar aínda se poden inscribir a través da ligazón https://sportmaniacs.com/.../vi-carreira-popular-maruxaina nas diferentes categorías.

A alcaldesa anima tanto aos atletas afeccionados como aos profesionais a participar nesta carreira, destacando que “é unha ocasión única para gozar dunhas instalacións deportivas privilexiadas e para descubrir o noso litoral desde unha perspectiva diferente, combinando deporte, natureza e patrimonio”. Así mesmo subliña que esta proba “vai moito máis alá da competición deportiva. É unha oportunidade para compartir unha xornada de convivencia, promover hábitos de vida saudables e seguir poñendo en valor a riqueza natural, paisaxística e cultural do noso concello”.